Saturday 04 de May de 2024

A Xunta traslada o seu apoio aos gandeiros lácteos e agarda unha maior sensibilidade da unión europea para garantir a súa viabilidade futura


O presidente da Xunta de Galicia traslada aos representantes do sector o compromiso do Goberno autonómico de seguir traballando por que as reivindicacións do sector lácteo galego sexan escoitadas tanto no conxunto de España como en Bruxelas

A Xunta de Galicia quere amosar o seu apoio aos gandeiros do sector lácteo galego e agarda unha maior sensibilidade da Unión Europea para garantir a viabilidade futura das explotacións, comezando polo Consello de Ministros de Agricultura que ten lugar hoxe en Bruxelas.

Esta mensaxe foi trasladada esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aos representantes do sector, aos que trasladou o compromiso do Goberno autonómico de seguir traballando por que as reivindicacións do sector lácteo galego sexan escoitadas tanto no conxunto de España como en Bruxelas.

Nesas conversas, insistiu en que a Xunta estivo, está e estará a carón do sector lácteo xa que se trata dunha área estratéxica para a economía de Galicia, e por iso, púxose á súa disposición para reforzar na medida das súas posibilidades a postura galega nas negociacións comunitarias.

A este respecto, comprometeu o apoio permanente do Goberno galego para trasladar as propostas do sector, de xeito que as solucións que poidan acadarse non se reduzan a unha necesaria acción para afrontar a difícil conxuntura que se está a vivir tanto en Galicia como no resto de Europa, senón que contribúan a garantir un futuro viable e estable para as explotacións.